Algunhas das últimas aventuras do 2016 na "Sexta parada" foron...
As visitas de dous interesantes personaxes... Xa que estábamos estudando os animais, algúns compañeiros/as decidiron que sería boa idea traer obxectos de estudo, e non puideron estar máis acertados, foi xenial!

Convertímonos en expertos do lobo das neves, do can "salchicha", do coello, do flamenco, da foca e dos caimáns. Cada equipo cooperativo escolleu un animal e investigou todo sobre el: o seus órganos e funcionamento, clasificación segundo a súa alimentación e reproducción, ecosistema no que habita, curiosidades, etc.
Tamén rematamos sendo expertos en plantas, xa que cada equipo cooperativo realizou unha posta en práctica do aprendido creando a súa propia maqueta coas principais partes das plantas e flores. E voluntariamente continuamos ampliando o noso caderno de plantas e expoñendo información sobre as que máis nos interesaban.
Tamén avaliamos os nosos equipos cooperativos tódolos venres nas sesións de titoría para detectar aspectos a mellorar e contamos con varios compañeiros/as que están sendo formados polo departamento de orientación como "mediadores", que nos ensinaron a detectar as situacións que se poden considerar "conflictos" e como poder actuar nelas.
Observamos como ían medrando os chícharos que plantamos na clase e fixemos espantallos para que no Nadal os paxaros non comesen o que plantamos.
Fixemos manualidades de Nadal con piñas e MANDÁMONOS POSTAIS CON NENOS E NENAS DE POLONIA!! Foi moi emocionante cando recibimos o sobre! :) Estamos facendo algunhas actividades con eles grazas ao proxecto de Erasmus + como o teatro de sombras de "Ancient Times".
Tamén comezamos un clube de letura na biblioteca, e estamos esperando a que nos den os libros para lelo e comentalo todos xuntos. O libro que imos ler chámase " O ferreiro da lúa chea".
Estas foron algunhas das cousas que estivemos facendo as últimas semanas do ano. Xa vedes que estivemos atarefados.
Un saúdo dende "A Sexta parada"!