lunes, 20 de junio de 2022

Proxecto de Lingua Galega: O CINE

Os alumnos e alumnas de 6º EP somos moi cinéfilos e desfrutamos moito cunha boa película acompañada de saborosos flocos de millo. Por iso, o proxecto que levamos a cabo dende a materia de Lingua Galega neste último trimestre resultou verdadeiramente interesante. Chamámoslle "Falemos de cine: luces, cámara... acción!"



Comezamos o proxecto cunha rutina de pensamento, CSI (cor, símbolo, imaxe), a través da cal reflexionamos sobre aquilo que nos inspira o concepto de cine como tal e sobre o que se nos ven á cabeza cando pensamos nel.


Fixemos un breve percorrido pola historia do sétimo arte, cheo de curiosidades e datos interesantes. Comezamos exercendo de reporteiros, facendo unha enquisa aos nosos familiares, para ver cal é o xéreno que máis lles gusta, cal foi a primeira película que viron no cine ou cal é a súa película favorita. 


Tamén aprendemos os diferentes tipos de plano que aparecen en pantalla (plano americano, pano xeral, plano detalle, primeiro plano...), o que fan os artistas Foley e as diferencias principais entre un guión literario e un guión técnicoTamén levamos a cabo unha pequena investigación para pescudar cales son as persoas que interveñen na creación dunha película, dende o director ata o axudante de produción. Hai moitas tarefas distintas! Incluso fixemos unha pequena exposición oral en equipos, na que tivemos que explicar ao resto da clase en que consiste cada unha desas profesións.



Ademais, levamos a cabo unha destreza de pensamento, "Compara e contrasta", para analizar as diferenzas e semellanzas que existen entre un libro e a súa versión en película. Concluímos que, aínda que os dous formatos teñen moitas cousas positivas, o libro sempre será máis completo en relación á historia, xa que conta os feitos de xeito máis detallado e sempre deixa que a nosa imaxinación voe ceibe.

Na parte máis práctica e creativa do proxecto, metémonos de cheo na creación dun guión literario, concretamente do guión dunha escena da nosa película. Para iso, tivemos que imaxinar a localización e tempo, as personaxes principais, describindo a súa aparencia e as súas emocións, parte do argumento e un diálogo. Saíron escenas moi variadas, xa que cada un de nós escolleu un xénero distinto (suspense, aventuras, drama...). Pero a cousa non rematou aí, senón que tivemos a oportunidade de gravar as escenas en vídeo e montalas con música, efectos especiais e incluso títulos de crédito. Fixemos unhas xornadas de gravación na escola que foron moi divertidas!



Como broche final á gravación, presentamos o resultado final das nosas películas nunha sesión de cine na clase, con flocos de millo incluídos! 

Ademais, fixemos unha votación conxunta para escoller a mellor película, a mellor dirección, mellor montaxe, mellor guión orixinal, mellor actor e mellor actriz. Como non podía ser doutro xeito, celebramos a Gala de entrega dos PREMIOS DE CINE GOA 2022 para entregar os galardóns aos premiados.




Para rematar o proxecto, fixemos unha presentación oral individual. Cada un de nós escolleu a súa película favorita e investigou sobre ela: actores, director, argumento, curiosidades sobre a gravación... 

Foi un proxecto moi completo e intenso, no que aprendemos cousas novas a interesantes. A próxima vez que vexamos unha película, seguro que a analizamos detalladamente. 😉🎥