jueves, 20 de junio de 2024

Investigación sobre inventos revolucionarios

Desde a materia de Ciencias da Natureza, os nenos e nenas de 6º EP rematamos o terceiro trimestre levando a cabo unha pequena investigación en parellas sobre inventos importantes que, dalgún ou doutro xeito, revolucionaron a sociedade en diferentes eidos.

Primeiro tivemos que recabar a información necesaria para a nosa investigación, tendo en conta o seguinte:

1. Nome.
2. Ano e lugar de invención.
3. Persoa que o inventou ou descubríu.
4. Características (como é, partes, materiais...).
5. Para que serve?
6. Evolución ao longo da historia / Tipos.
7. Curiosidades.
8. Contribución á humanidade.

Houbo inventos de todo tipo: a roda, a imprenta, a máquina de vapor, a penicilina, a televisión, o ordenador, o Internet...

Unha vez traballada e estruturada a información a través de Google Docs, cada parella elaborou un orixinal lapbook para expoñer o resultado das súas pescudas ao resto da clase, nunha conferencia científica improvisada. Ollade!












Proxecto "A emigración na nosa familia"

Na materia de Lingua Galega, os rapaces e rapazas de 6º EP rematamos a terceira avaliación levando a cabo un proxecto de investigación moi interesante que nos fixo descubrir o pasado emigrante da nosa familia.

De todos nós é sabido que os galegos nos caracterizamos por ser un pobo de xente loitadora que, en tempos non tan lonxanos, en maior ou menor medida tivo que marchar fóra das fronteiras do noso país para buscar unha vida mellor. Nesa realidade histórica e de identidade é onde afondamos durante este proxecto.

Comezamos coa rutina de pensamento Vexo-penso-pregúntome sobre esta famosa imaxe que representa para todos os galegos a tristura que traía consigo a emigración de familiares e coñecidos:


Despois realizamos as nosas pescudas na casa. Preguntamos aos nosos pais, avós ou bisavós se coñecían algún caso de emigración dalgún parente ou achegado. E abofé que atopamos historias: tíos, avós e avoas, bisavós ou veciños que tiveron que partir cara a Cuba, Inglaterra, Venezuela, Suíza ou Arxentina a comezos e mediados do XX.

Unha vez que recabamos os datos, elaboramos un texto que despois expuxemos ao resto da clase nunha presentación oral que acompañamos cun Canva. Nesa exposición contamos a historia dun ou varios familiares na emigración.

Tamén tivemos que imaxinar como sería o seu día a día na diáspora, a través dun exercicio de escritura creativa.







Tamén aprendemos quen eran os indianos e o legado que deixaron en Galicia. Incluso estivemos a investigar sobre os irmáns García Naveira, que tanto fixeron pola veciña vila de Betanzos. E finalmente limos e traballamos o relato O pai de Migueliño, de Castelao e analizamos as similitudes e diferenzas entre a emigración na actualidade e as vagas de emigración dos anos 50 e 60.

Realmente foi un proxecto moi interesante, grazas ao cal puidemos descubrir un pouco máis sobre o pasado da nosa familia e comprender de onde vimos.

lunes, 6 de mayo de 2024

¡Nuestro compañero Manu sale en un libro!

¿Sabíais que Manu aparece en un libro titulado Rayo Vallecano, un equipo de barrio? El autor es Alejandro Castellón y ha sido publicado este año.

Manu nos contó que sale en el libro porque su historia es especial, ya que pertenece a un equipo de fútbol humilde de un barrio pequeño. Además, es un gran seguidor del Rayo Vallecano.

El autor, que es conocido del padre de Manu, lo entrevistó un día en Lugo y dejó plasmada su historia en las páginas de su obra. ¡Qué interesante! 😊⚽📖 


viernes, 3 de mayo de 2024

Traballamos no laboratorio

Esta semana, como parte da unidade que estamos a estudar na materia de Ciencias da Natureza, os alumnos e alumnas de 6º EP baixamos ao laboratorio da escola a realizar unha práctica moi interesante.

A unidade trata sobre as substancias e os cambios da materia e o que practicamos desta vez foron os distintos métodos de separación de mesturas. Deste xeito, traballamos en equipos e aprendemos a levar a cabo o proceso de filtración para separar un sólido dun líquido nunha mestura heteroxénea, a decantación para separar dous líquidos de diferentes densidades, como a auga e o aceite, a separación magnética ou o barutado.

Despois da análise e observación dos resultados obtidos nos procesos de separación das mesturas, anotamos as nosas conclusións nunha táboa, repasando así todo o visto na clase estas últimas semanas.





lunes, 8 de abril de 2024

Proxecto "Fagamos vida sa"

Durante as últimas semanas do 2º trimestre, os nenos e nenas de 6º EP estivemos a traballar nun proxecto moi interesante sobre alimentación saudable e vida sa, na materia de Ciencias da Natureza.


Comezamos coa rutina de pensamento CSI (cor-símbolo-imaxe), coa que fixemos visible o noso pensamento e plasmamos de forma gráfica o que é para nós levar unha vida saudable. A maioría relacionamos este concepto coa alimentación e o exercicio físico, pero ao longo do proxecto fomos descubrindo que tamén hai outros factores importantes.



Continuamos cunha alálise sobre os nosos hábitos diarios, con respecto á nosa alimentación, hixiene persoal, descanso, actividade física... Primeiro cubrimos unha táboa e despois, en gran grupo, analizamos as nosas respostas.


Tamén levamos a cabo a destreza de pensamento "Resolución de problemas". En equipos de cooperativo, intentamos buscar solucións a un problema que está moi presente en diversos países: o sobrepeso infantil. Obviamente, é unha problemática que vén determinada polo estilo de vida sedentario e a mala alimentación de moitas familias. Case todos os equipos coincidimos en que a solución é levar unha dieta equilibrada e facer exercicio semanal, adaptándoo ás nosas necesidades.



Unha das partes máis interesantes deste proxecto foi a relacionada coa análise do etiquetado nutricional de diversos produtos que temos na casa. Cada un de nós seleccionou dúas etiquetas: unha dun produto saudable (cereais, pan integral, iogur natural...) e outra doutro menos saudable (galletas de chocolate, cereais con azucre, lambetadas...). Aprendemos que as etiquetas poden dar moita información importante: os nutrientes que contén o alimento, as quilocalorías, a cantidade de sal e azucre, a caducidade, os alérxenos... Incluso algúns produtos inclúen o que se coñece como "semáforo nutricional". Plasmamos a nosa investigación e análise nunha cartolina individual.


O produto final deste proxecto foi o deseño de propostas de menús saudables en equipos, en forma de tríptico. Cada grupo escolleu pratos e alimentos saudables e completos nun menú de luns a venres, incluíndo almorzo, xantar, merenda e cea. Saíron opcións variadas, sas e saborosas! Para finalizar, expuxemos os nosos menús ao resto dos compañeiros. Aprendemos unha morea de cousas!



lunes, 19 de febrero de 2024

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, os alumnos e alumnas de 6º EP fomos convidados polo Concello de Pontedeume, xunto con outros centros da vila, a asistir a un encontro aberto con Clara Correa Paz, unha científica eumesa que é todo un referente para as novas xeracións de investigadores e investigadoras.

No encontro, que tivo lugar na Casa da Cultura, Clara, licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutorada en Medicina Molecular, falounos da súa traxectoria profesional, dos seus logros e das súas vivencias. Tamén nos fixo ver o importante que é que desaparezan as barreiras e os estereotipos de xénero para que as mulleres e nenas non atopen impedimentos e poidan participar en todos os eidos da ciencia.

Foi unha charla moi interesante e moi necesaria! Grazas, Clara! 💜






lunes, 29 de enero de 2024

Traballamos en equipo

Os nenos e nenas de 6º EP xa levamos tres semanas aprendendo xuntos nos novos equipos de traballo cooperativo. Ao inicio de cada trimestre, elaboramos o plan de equipo, a través do cal fixamos os nosos obxectivos de aprendizaxe e os nosos compromisos persoais. Deste xeito, asegurámonos de que cada membro cumple a súa función para poder traballar e aprender en harmonía.

Ademais, en todas as materias seguimos levando a cabo dinámicas de cooperativo en determinadas actividades, nas que todos e cada un de nós aportamos ideas e respectamos as dos demais.

Aquí vos deixamos imaxes dunha tarefa que fixemos a semana pasada na materia de Ciencias Socias: un folio xiratorio a través do cal repasamos o relevo de Europa.