Despedímonos dos nosos equipos cooperativos facendo un "abanico positivo" no que escribimos tódalas cousas positivas que descubrimos sobre os nosos compañeiros/as e creamos novos equipos.
Analizamos os momentos estelares do 2016 en inglés e propuxémonos metas e propósitos para este ilusionante 2017.
Retomamos as labores na nosa horta, estaba chea de malas herbas e os pobres espantallos estaban case todos no chan. Traballamos moitísimo arrancando as malas herbas, clavando de novo os espantallos e montando o composteiro.
Visitáronnos os nenos de Educación Infantil porque estaban intentando resolver quen fora o que fixera uns misteriosos buratiños nun taboleiro de axedrez...
En lingua castelá, Karlos expuxo o seu texto persuasivo sobre amortiguacións de bicicletas, quedamos abraiados con todo o que sabe sobre ese tema! E no desdoble xogamos a crear e dramatizar diálogos en situacións moi divertidas.
En galego seguimos traballando coa poesía coa axuda do mestre David, que ven a axudarnos os martes, e comezamos a analizar un novo poema titulado "Irmaus", co que temos que realizar unha "Acción poética" (ir recitándollo á xente pola rúa e anotar as súas impresións e comentarios sobre o mesmo).
Comezamos un proxecto en CCNN no que nos convertiremos en científicos tolos e crearemos experimentos para probar diferentes teorías sobre a materia e as súas propiedades; e en CCSS viaxaremos nunha máquina do tempo a diferentes etapas históricas.
Esta semana aprendimos a facer liñas do tempo cun programa online que se chama "Timeline".
E para rematar a semana dunha forma lúdica, despois de avaliar aos equipos e de ler o noso buzón de aula en titoría, Jorge deleitounos cunha sesión de maxia...
Un saúdo dende a "Sexta Parada"!
No hay comentarios:
Publicar un comentario