lunes, 8 de abril de 2024

Proxecto "Fagamos vida sa"

Durante as últimas semanas do 2º trimestre, os nenos e nenas de 6º EP estivemos a traballar nun proxecto moi interesante sobre alimentación saudable e vida sa, na materia de Ciencias da Natureza.


Comezamos coa rutina de pensamento CSI (cor-símbolo-imaxe), coa que fixemos visible o noso pensamento e plasmamos de forma gráfica o que é para nós levar unha vida saudable. A maioría relacionamos este concepto coa alimentación e o exercicio físico, pero ao longo do proxecto fomos descubrindo que tamén hai outros factores importantes.



Continuamos cunha alálise sobre os nosos hábitos diarios, con respecto á nosa alimentación, hixiene persoal, descanso, actividade física... Primeiro cubrimos unha táboa e despois, en gran grupo, analizamos as nosas respostas.


Tamén levamos a cabo a destreza de pensamento "Resolución de problemas". En equipos de cooperativo, intentamos buscar solucións a un problema que está moi presente en diversos países: o sobrepeso infantil. Obviamente, é unha problemática que vén determinada polo estilo de vida sedentario e a mala alimentación de moitas familias. Case todos os equipos coincidimos en que a solución é levar unha dieta equilibrada e facer exercicio semanal, adaptándoo ás nosas necesidades.



Unha das partes máis interesantes deste proxecto foi a relacionada coa análise do etiquetado nutricional de diversos produtos que temos na casa. Cada un de nós seleccionou dúas etiquetas: unha dun produto saudable (cereais, pan integral, iogur natural...) e outra doutro menos saudable (galletas de chocolate, cereais con azucre, lambetadas...). Aprendemos que as etiquetas poden dar moita información importante: os nutrientes que contén o alimento, as quilocalorías, a cantidade de sal e azucre, a caducidade, os alérxenos... Incluso algúns produtos inclúen o que se coñece como "semáforo nutricional". Plasmamos a nosa investigación e análise nunha cartolina individual.


O produto final deste proxecto foi o deseño de propostas de menús saudables en equipos, en forma de tríptico. Cada grupo escolleu pratos e alimentos saudables e completos nun menú de luns a venres, incluíndo almorzo, xantar, merenda e cea. Saíron opcións variadas, sas e saborosas! Para finalizar, expuxemos os nosos menús ao resto dos compañeiros. Aprendemos unha morea de cousas!



No hay comentarios:

Publicar un comentario