martes, 11 de abril de 2023

A emigración nas nosas familias

Na materia de Lingua Galega, os rapaces e rapazas de 6º EP rematamos a segunda avaliación levando a cabo un traballo de investigación moi interesante que nos fixo descubrir o pasado emigrante da nosa familia.


De todos nós é sabido que os galegos nos caracterizamos por ser un pobo de xente loitadora que, en tempos non tan lonxanos, en maior ou menor medida tivo que marchar fóra das fronteiras do noso país para buscar unha vida mellor. E nesa realidade histórica e de identidade é onde afondamos durante esta tarefa. Para iso, primeiro realizamos as nosas pescudas na casa. Preguntamos aos nosos pais, avós ou bisavós se coñecían algún caso de emigración dalgún parente ou achegado. 

E abofé que atopamos historias, algunhas tristes, outras cheas de esperanza, pero todas elas fermosas e parte esencial das nosas orixes. Tíos, curmáns, avós e avoas, bisavós ou veciños que tiveron que partir cara a Cuba, Inglaterra, Venezuela, Suíza, Arxentina, Chile ou Estados Unidos a finais do século XIX e comezos e mediados do XX e que traballaron arreo para darlle unha mellor vida á súa familia.

Unha vez que recabamos os datos, elaboramos un texto que despois expuxemos ao resto da clase nunha presentación oral que acompañamos cun PowerPoint ou Canva. Nesa exposición contamos a historia dun ou varios familiares na emigración e tamén tivemos que imaxinar como sería o seu día a día na diáspora.

Tamén aprendemos quen eran os indianos e o legado que deixaron en Galicia. Incluso estivemos a investigar sobre os irmáns García Naveira, que tanto fixeron pola veciña vila de Betanzos.

Realmente foi unha tarefa moi bonita, grazas á cal puidemos descubrir un pouco máis sobre o pasado da nosa familia e comprender de onde vimos. Os nosos familiares na emigración teñen toda a nosa admiración! 💖






No hay comentarios:

Publicar un comentario