O pasado venres, os rapaces e rapazas de 6º EP fomos convidados polo Concello de Pontedeume a participar nunha das actividades que tiñan programadas para a celebración do Día da Árbore, que tivo lugar o día 21 de marzo.
Pola mañá, un autobús recolleunos na escola para levarnos ata Breamo para plantar, xunto con nenos e nenas doutras escolas da vila, unhas árbores autóctonas. A actividade foi acompañada dunha explicación por parte dun profesional na área que nos deu información acerca das especies, no noso caso unha cerdeira e unha nogueira, e dos coidados que precisan. Todos nós participamos na plantación, botando a terra, auga e abono.
A "Festa da Árbore" celébrase dende hai xa varios anos na nosa vila e é unha iniciativa moi interesante e de grande importancia, xa que plantar unha árbore significa axudar a que a vida se abra camiño nos ecosistemas.
Tamén nos deron unha charla informativa sobre a capela de San Miguel de Breamo e aprendemos datos interesantes sobre a súa historia e arquitectura.
Desta vez, o Concello regalounos unhas cantimploras moi bonitas:
Para nós foi unha experiencia moi especial, pese a choiva. Cada vez que subamos ata Breamo, lembraremos que contribuímos a poboar de fermosas árbores este recuncho de Pontedeume! 💚
No hay comentarios:
Publicar un comentario