jueves, 20 de junio de 2024

Proxecto "A emigración na nosa familia"

Na materia de Lingua Galega, os rapaces e rapazas de 6º EP rematamos a terceira avaliación levando a cabo un proxecto de investigación moi interesante que nos fixo descubrir o pasado emigrante da nosa familia.

De todos nós é sabido que os galegos nos caracterizamos por ser un pobo de xente loitadora que, en tempos non tan lonxanos, en maior ou menor medida tivo que marchar fóra das fronteiras do noso país para buscar unha vida mellor. Nesa realidade histórica e de identidade é onde afondamos durante este proxecto.

Comezamos coa rutina de pensamento Vexo-penso-pregúntome sobre esta famosa imaxe que representa para todos os galegos a tristura que traía consigo a emigración de familiares e coñecidos:


Despois realizamos as nosas pescudas na casa. Preguntamos aos nosos pais, avós ou bisavós se coñecían algún caso de emigración dalgún parente ou achegado. E abofé que atopamos historias: tíos, avós e avoas, bisavós ou veciños que tiveron que partir cara a Cuba, Inglaterra, Venezuela, Suíza ou Arxentina a comezos e mediados do XX.

Unha vez que recabamos os datos, elaboramos un texto que despois expuxemos ao resto da clase nunha presentación oral que acompañamos cun Canva. Nesa exposición contamos a historia dun ou varios familiares na emigración.

Tamén tivemos que imaxinar como sería o seu día a día na diáspora, a través dun exercicio de escritura creativa.







Tamén aprendemos quen eran os indianos e o legado que deixaron en Galicia. Incluso estivemos a investigar sobre os irmáns García Naveira, que tanto fixeron pola veciña vila de Betanzos. E finalmente limos e traballamos o relato O pai de Migueliño, de Castelao e analizamos as similitudes e diferenzas entre a emigración na actualidade e as vagas de emigración dos anos 50 e 60.

Realmente foi un proxecto moi interesante, grazas ao cal puidemos descubrir un pouco máis sobre o pasado da nosa familia e comprender de onde vimos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario