Este pasado mércores 24 de marzo, os rapaces e rapazas de 6º EP fomos convidados polo Concello de Pontedeume para participar nunha das actividades que tiñan programadas para a celebración do Día da Árbore.
Ao mediodía, baixamos aos terreos do Paseo Marítimo "Rosalía de Castro", cercano ao noso centro. A actividade foi acompañada dunha explicación por parte dun profesional na área que nos deu información acerca da especie e dos coidados que precisa. Dous operarios técnicos realizaron a plantación coa nosa axuda.
Plantamos un salgueiro chorón e aprendemos moitos datos curiosos sobre a especie, coma o seu nome científico (salix babylonica) e o feito de que a súa codia se empregaba para a fabricación de mediciñas como a aspirina.
A antiga "Festa da Árbore" celébrase dende hai xa varios anos na nosa vila e é unha iniciativa moi interesante e de grande importancia, xa que plantar unha árbore significa axudar a que a vida se abra camiño nos ecosistemas.
Para nós foi unha experiencia bonita que non esqueceremos. E cada vez que paseemos preto da árbore, lembraremos que axudamos na súa plantación e que contribuímos a poboar de fermosas árbores o paseo marítimo da nosa vila.
No hay comentarios:
Publicar un comentario