Os alumnos e alumnas de 6º EP somos moi cinéfilos e desfrutamos moito cunha boa película acompañada de saborosos flocos de millo. Por iso, o proxecto que levamos a cabo dende a materia de Lingua Galega neste último trimestre resultou verdadeiramente interesante. Chamámoslle "Falemos de cine: luces, cámara... acción!"
Comezamos o proxecto cunha rutina de pensamento, CSI (cor, símbolo, imaxe), a través da cal reflexionamos sobre aquilo que nos inspira o concepto de cine como tal e sobre o que se nos ven á cabeza cando pensamos nel.
Fixemos un breve percorrido pola historia do sétimo arte, cheo de curiosidades e datos interesantes. Comezamos exercendo de reporteiros, facendo unha enquisa aos nosos familiares, para ver cal é o xéreno que máis lles gusta, cal foi a primeira película que viron no cine ou cal é a súa película favorita.
Tamén aprendemos os diferentes tipos de plano que aparecen en pantalla (plano americano, pano xeral,
plano detalle, primeiro plano...), o que fan os artistas Foley e as diferencias principais entre un guión literario e un guión técnico.
Ademais, levamos a cabo unha destreza de pensamento, "Compara e contrasta", para analizar as diferenzas e semellanzas que existen entre un libro e a súa versión en película. Concluímos que, aínda que os dous formatos teñen moitas cousas positivas, o libro sempre será máis completo en relación á historia, xa que conta os feitos de xeito máis detallado e sempre deixa que a nosa imaxinación voe ceibe.
Na parte máis práctica e creativa do proxecto, metémonos de cheo na creación dun guión literario, concretamente do guión dunha escena da nosa película. Para iso, tivemos que imaxinar a localización e tempo, as personaxes principais, describindo a súa aparencia e as súas emocións, parte do argumento e un diálogo. Saíron escenas moi variadas, xa que cada un de nós escolleu un xénero distinto (suspense, aventuras, drama...). Pero a cousa non rematou aí, senón que tivemos a oportunidade de gravar as escenas en vídeo e montalas con música, efectos especiais e incluso títulos de crédito. Fixemos unhas xornadas de gravación na escola que foron moi divertidas!
Como broche final á gravación, presentamos o resultado final das nosas películas nunha sesión de cine na clase, con flocos de millo incluídos!
Ademais, fixemos unha votación conxunta para escoller a mellor película, a mellor dirección, mellor montaxe, mellor guión orixinal, mellor actor e mellor actriz. Como non podía ser doutro xeito, celebramos a Gala de entrega dos PREMIOS DE CINE GOA 2022 para entregar os galardóns aos premiados.
Para rematar o proxecto, fixemos unha presentación oral individual. Cada un de nós escolleu a súa película favorita e investigou sobre ela: actores, director, argumento, curiosidades sobre a gravación...
Foi un proxecto moi completo e intenso, no
que aprendemos cousas novas a interesantes. A próxima vez que vexamos unha
película, seguro que a analizamos detalladamente. 😉🎥
No hay comentarios:
Publicar un comentario